A Illa de San Simón acollerá o VIII Congreso Internacional de Economía Social (EESCOOP), organizado pola Universidade de Vigo Terá lugar os días 12 e 13 de xuño de 2025

Baixo o lema "As Empresas da Economía Social: desde a actividade tradicional cara á innovación tecnolóxica e social" o evento pretende poñer en común as actuais liñas de investigación e as experiencias prácticas que veñen desenvolvendo neste ámbito.

A emblemática Illa de San Simón, unha zona natural de gran importancia histórica e cultural ubicada na ría de Vigo e pertencente ao municipio de Redondela, é a sede escollida para albergar a oitaba edición do Congreso Internacional de Economía Social. María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, membros do Post-Growth Innovation Lab, son os encargados de dirixir a organización deste evento que acolle a un encontro de persoal investigador vencellado ao eido da economía social e o cooperativismo que se ven celebrando dende hai máis de 25 anos e que no 2016 adquiriu a forma de congreso internacional. 

O evento está organizado de forma coordinada pola Universidade de Vigo (a Facultade de Comercio e o Post-Growth Innovation Lab) e a Escuela de Especialización Profesional EESCOOP, pertencente á Universidad Complutense de Madrid, contando ademáis co apoio e patrocinio de diferentes entidades como a Xunta de Galicia, a Cátedra Extraordinaria de Cooperativismo y Economía Social da Universidad Complutense de Madrid, a Cátedra UNESCO de Economía Social y Solidaria, e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA). 

O congreso contará con mesas redondas que abordarán diferentes temáticas e nas que participarán actores relevantes da economía social, e con sesións académicas dedicadas á presentación de traballos de investigación e innovación. O prazo para o envío de comunicacións no marco destas últimas atópase aberto ata o vindeiro 28 de febreiro, e aceptaranse tanto presentacións orais coma en formato de póster. 

Toda a información sobre o evento pódese atopar na súa páxina web: eescoop2025.uvigo.gal (external link)