Das dificultades para implantar prácticas de economía circular en cadeas de subministración complexas, como as da industria pesqueira en Galicia, ao comercio de lixo electrónico en Ghana, pasando polo impulso de prácticas agrícolas rexenerativas en Suráfrica ou polas iniciativas da sociedade civil para desligar a economía da cidade italiana de Taranto da fabricación de aceiro. Estes son algúns dos casos de estudo analizados por 14 universidades, centros de investigación e organizacións non gobernamentais de nove países no proxecto JUST2CE, financiado polo programa europeo H2020. Liderado polo director do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera, e coordinado pola Universitat Autónoma de Barcelona, este proxecto tiña como obxectivo analizar que factores poderían contribuír ou obstaculizar unha transformación da economía que, ademais de contribuír á preservación do medio ambiente, sexa tamén socialmente xusta.
Neste senso, un dos resultados “máis importantes” dunha investigación que combinou dez casos de análise en Europa e África co desenvolvemento de modelos macroeconómicos é que “desminte que a economía circular poida outorgar solucións nas que todo o mundo gaña”, destaca Pansera. De feito, un dos aspectos nos que incide o libro electrónico resultado deste proxecto é que o desenvolvemento da economía circular no chamado “norte global” podería xerar prexuízos nos países do “sur global”.
Cun financiamento de preto de 3,6 millóns de euros, entre os resultados finais de JUST2CE. A just transition of circular economy figuran tamén o desenvolvemento modelos macroeconómicos que permiten coñecer os efectos de determinadas medidas “na cadea de valor doutros países”; como unha ferramenta que amosa “como funcionan as cadeas de subministración globais”, explica Pansera. Xunto á UVigo e a Autónoma de Barcelona, neste proxecto, que a finais de 2024 realizaba a súa avaliación final, participaron tamén as universidades Sheffield, Federico II de Nápoles, Leeds, Coimbra, Cape Town e a Mekelle University de Etopía, xunto coa Agència de Residus de Catalunya, o Scientific and Industrial Research and Development Centre de Cimbabue e as organizacións Kumasi Hive e African Circular Economy Network.
Cambios que vaian máis aló da xestión de residuos
Outro dos resultados deste proxecto, iniciado en 2021, é o libro electrónico Circular Economy for Social Transformation: Multiple Paths to Achieve Circularity, dirixido a ofrecer “un amplo panorama dos problemas, aspectos críticos e barreiras que caracterizan a actual transición cara unha economía circular xusta”. Nos seus diferentes capítulos preséntanse tamén un conxunto de indicacións para o desenvolvemento de “políticas transformadoras” neste ámbito, tendo en conta que un dos obxectivos de JUST2CE era pór o foco en que a transición cara unha economía circular debe ter en conta o impacto dos modelos de produción e consumo nas relacións sociais e de xénero, así como as diferencias norte-sur.
Neste senso, entre as conclusións do libro figura que o actual “modelo dominante de economía circular” non permitirá conxugar eses “obxectivos sociais e ambientais” e incídese nas limitacións dunha “visión reducionista” deste paradigma, “excesivamente centrada na xestión de residuos e reciclaxe”. A economía circular, conclúen os responsables deste proxecto, “é un concepto moito máis amplo, que involucra todo o sistema socioecolóxico dun país, desde a produción ata o consumo”, polo que as políticas transformadoras “deben ter en conta factores específicos do territorio, para apoiar ás comunidades locais”. Así, entre as súas recomendacións figura tanto o desenvolvemento dunha “política transformadora de economía circular para África”, como que a Unión Europea realice cambios nas súas políticas para evitar que se amplíen as fendas entre as diferentes áreas xeográficas. “Se queremos ser serios coa economía circular, hai que entender que existe unha relación de dependencia entre o norte e o sur global, que fundamentalmente é unha relación de extracción, de explotación...”, subliña Pansera, que incide en non son posibles medidas “que xeren unha situación óptima”, senón que será precisa “unha negociación e tomar decisións políticas”.
Nese senso, outro dos eixes do proxecto foi o desenvolvemento de “modelos macroeconómicos, que por primeira vez utilizan un enfoque dinámico, que non está baseado no equilibrio xeral”, e que permiten estudar os efectos das políticas implantadas “na cadea de valor noutros países”, explica Pansera. A estes súmase a ferramenta JUST2CE Supply Chain Explorer, que permite “entender como funcionan as cadeas de subministración globais”, conectando os datos macroeconómicos con outros relativos a cuestións de xénero, condicións laborais, xustiza social ou conflitos ambientais.
A “complexidade” da economía circular
O proxecto comprendeu tamén o estudo de iniciativas e problemáticas concretas en diferentes países de Europa e África. “Os casos de estudo axudáronnos a ver cal é a complexidade das iniciativas de economía circular no territorio, na realidade”, sinala Pansera desta serie de “casos locais, que teñen que ver cun mundo global” e que permitiron afondar en cuestións como a produción de alimentos, a xestión de auga ou as materias primas críticas. Catro destes casos de estudo reflíctense do documental JUST2CE: Four circular economy stories, que permite coñecer iniciativas de economía circular, como as levadas a cabo na cidade italiana de Taranto, e de recuperación da economía no rural, como as da cooperativa MinGa, da vila portuguesa de Montemor-O-Novo. O filme aborda tamén a problemática dos residuos electrónicos, a través do mercado de Kumasi, en Ghana, e detense nos efectos do cambio climático sobre a agricultura, afondando na traxectoria da granxa Lowerland, en Suráfrica.
Nova do Diario Universidade de Vigo (DUVI) publicada o 4 de xaneiro de 2025