A segunda tempada de Postgrowth S.A. remata a súa andaina en Vigo Despois da boa acollida do proxecto de investigación cidadá nos institutos de Pontevedra a iniciativa extendeuse a centros da cidade olívica

Durante o pasado curso escolar Postgrowth S.A. viu a luz en Pontevedra, pero este proxecto de ciencia cidadá tivo unha gran acollida entre alumnado e docentes da cidade do Lérez, polo que a súa continuidade extendeuse durante este ano a Vigo grazas á  colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (FECYT).

Postrgrowth S.A.: Vigo rematou o pasado mes de xuño coa participación de seis institutos de Vigo nunha conferencia internacional celebrada en Pontevedra.

Durante o curso escolar 2024-2025 levouse a cabo a parte presencial do proxecto nos centros educativos, e buscaba xerar coñecemento sobre a transición sostible en materia de economía azul na cidade de Vigo. O caso de estudo concreto que se abordou foi a implementación da eólica mariña na costa suroeste galega. Para iso, os centros educativos participantes (IES O Castro, IES Coruxo, IES A Guía, IES República Oriental do Uruguai, Colegio Compañía de María, Colegio Amor de Dios e CPR Mercantil) formáronse co persoal investigador, en temas de eólica mariña, transición enerxética e investigación e innovación responsable e aberta (ORRI, polas súas siglas en inglés). O obxetivo foi que, a través da súa investigación, poidan chegar á conclusión de se a implementación da eólica mariña en Galicia está a ser xusta e responsable.

Este proceso de investigación foi realizado polo alumnado e profesorado dos centros educativos participantes, guiados e apoiados polo persoal investigador de Post-Growth Innovation Lab, e os seus resultados foron presentados oficialmente na 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica, celebrada en Pontevedra este xuño de 2025.

Durante o desenvolvemento do proxecto o alumnado realizou análise documental, recollida de datos cualitativos a través da realización de entrevistas e recollida de datos cuantitativos por medio de enquisas. En total realizáronse uns 22 análises documentais de diversos informes e documentos oficiais como El Plan Nacional Integrado de Energía y Clima, a Hoja de Ruta Eólica Marina, el Plan de Ordenación Marítimo Nacional, Informes de Transición Ecológica e os cinco DIPs (Documentos Iniciais de Proxecto) de Eólica Mariña que actualmente se atopan na web do Ministerio de Transición ecolóxica. Ademais, o alumnado realizou 101 entrevistas a axentes sociais da temática do proxecto: cidadanía das áreas afectadas, investigadores de diversas entidades, administración pública, sector pesqueiro e ONGs ambientais entre outros. Esta variedade de entrevistas logrou captar a visión da cidadanía e persoal experto sobre a temática a tratar, resaltando as súas limitacións e beneficios esperados, así como coñecendo casos de éxito ou problemáticas xeradas noutros países. Por outra banda, realizáronse 341 enquisas anónimas onde puido coñecerse a desinformación da cidadanía sobre o tema, facendo relevante a xeración urxente de procesos de participación pública e a consecución da participación das persoas neles. Unha vez realizados os casos de estudio, o alumnado presentou os seus resultados na Ecolóxica, en formato póster a tarde do 3 de xuño, onde representantes dos centros educativos acudiron a Conferencia e puideron explicar os seus resultados a investigadores e investigadoras, ademais de poder coñecer investigacións doutras universidades e interactuar nun ambiente internacional científico, sendo a representación xuvenil da Conferencia.

Actualmente, por parte do persoal investigador, estanse elaborando unha axenda política sobre a temática así coma unha guía de recomendacións sociais, que serán repartidas por municipios da costa galega. Dentro do proxecto, fundouse a Rede de Ciencia Cidadá Poscremento de Galicia, que conta xa co apoio de centros educativos e foi presentada oficialmente na feira Científica da UCC da Universidade de Vigo, en Lalín: https://www.uvigo.gal/es/universidad/comunicacion/duvi/universidade-vigo-leva-lalin-cuarta-edicion-feira-cientifica-ciencia-que-ven-ten-nome-muller. (external link)