O Comité Cidadán polo Clima e o I Foro de Desenvolvemento Local únense para propoñer medidas contra a pegada de carbono na alimentación O IES Luis Seoane de Monteporreiro acolleu onte o encontro máis participativo ata a data da iniciativa, con preto de 50 asistentes de distintos perfís cidadáns, académicos e institucionais.

O pasado 28 de abril, o IESLuis Seoane (external link) de Monteporreiro foi escenario da terceira sesión do Comité Cidadán polo Clima (CCC) de Pontevedra, celebrada de forma conxunta co I Foro de Desenvolvemento Local, enmarcado no proxecto Plataforma ODS. A xornada, que se prolongou desde as 16:00 ata as 20:00 horas, reuniu preto de 50 persoas entre membros do Comité Cidadán, alumnado e profesorado do IES Luis Seoane, a concelleira do Concello de Pontevedra (external link) Anabel Gulías, e o equipo de coordinación do proxecto.


Un foro para conectar ciencia, cidadanía e institucións

O I Foro de Desenvolvemento Local nace coa vocación de converterse nun encontro anual onde se presenten resultados de proxectos de investigación orientados ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) no municipio. Nesta primeira edición, o foro reuniu o proxecto de ciencia cidadá e o Comité Cidadán polo Clima, ambos centrados na relación entre o consumo de alimentos e o cambio climático.


Propostas concretas para reducir a pegada de carbono

O obxectivo principal da sesión foi elaborar unha lista de entre 10 e 20 propostas concretas para mitigar a pegada de carbono vinculada aos patróns de consumo alimentario en Pontevedra. A través de dúas dinámicas participativas, os asistentes identificaron accións posibles, actores implicados, necesidades e barreiras para a súa implementación. A sesión tamén foi gravada con vistas á produción dun breve documental sobre a iniciativa.


Sobre o Comité Cidadán polo Clima

O Comité Cidadán polo Clima é un grupo de traballo voluntario impulsado no marco do proxecto Plataforma ODS de Pontevedra, proxecto que está sendo desenvolvido polo grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab (external link) da Universidade de Vigo. Ao longo de cinco sesións, os seus participantes afondan no ciclo de vida dos alimentos para formular propostas políticas que contribúan ao cumprimento dos ODS no municipio. A terceira sesión, centrada no patrón de consumo, supón un paso máis neste proceso de deliberación cidadá.

Máis información: Proxecto Plataforma ODS - Pontevedra