O grupo de investigación participa no Pint of Science 2026 en Pontevedra Víctor José Sánchez, investigador do Post-Growth Innovation Lab, presenta unha charla sobre decrecemento, xustiza climática e innovación responsable

O pasado martes 19 de maio, o noso compañeiro Víctor José Sánchez tomou parte como ponente no Pint of Science 2026, o festival internacional de divulgación científica que cada ano leva a ciencia aos bares de todo o mundo. Este ano, o evento desenvolveuse de forma simultánea en máis de 100 localidades de España.

A charla de Víctor, titulada T·I·A·S - This Is Also Science, tivo lugar na Taberna Nasa e abordou o concepto de decrecemento e outras temáticas estreitamente vinculadas ao traballo do Post-Growth Innovation Lab: a xustiza climática, o dereito a reparar e a innovación responsable.

A xornada rematou cunha proposta cultural: a representación do microteatro Nosos montes, a cargo de Teatro Ameba do IES de Mos.