Este 27 de maio, no marco do Congreso de Innovación Frugal, Tecnoloxías Sociais e Ciencia Cidadá en América Latina "Mundos de Transformación", o director do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera, presentou o seu libro Post-Growth Innovation: Resisting the Pursuit of Endless Economic Growth, publicado por Bristol University Press e coescrito xunto a Javier Lloveras.
O libro parte dunha pregunta sinxela pero provocadora: é posible innovar sen que o obxectivo sexa sempre producir máis e crecer máis? O investigador defende que a forma en que entendemos hoxe a tecnoloxía e a innovación dá por feito que o crecemento económico é inevitable e desexable. Ese punto de partida, di o autor, impídenos imaxinar outras formas de organizarnos como sociedade. A presentación deu paso a un debate sobre como romper con esa lóxica e construír organizacións que funcionen doutro xeito, nun momento en que cada vez máis voces cuestionan se o crecemento sen límites é realmente o camiño.