DUVI PONTEVEDRA 17/06/2026
Achegar o coñecemento científico á toma de decisións sobre políticas públicas é o propósito central do proxecto ConCiencia Local, que o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab desenvolve coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología F.S.P. - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e o apoio do Concello de Pontevedra. Con ese obxectivo, o equipo investigador propón á creación dun Comité Asesor Científico Municipal (CACiM), que reunirá tanto investigadoras e investigadores de diferentes centros da UVigo como persoal da administración local. Ata o vindeiro mércores 24 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para formar parte dun grupo de traballo que, como sinala o equipo responsable do proxecto, centrará a súa actividade nun "reto ou tema de interese" para a administración local, co obxectivo de "xerar recomendacións útiles coas que apoiar a acción municipal".
Seleccionado na convocatoria de axudas para o fomento da cultura da innovación pública da F.S.P., ConCiencia Local ten como obxectivo "fomentar o establecemento de espazos de intercambio de coñecemento e o uso de evidencias científicas na toma de decisións públicas e a aplicación de políticas municipais". Nunha iniciativa, sinalan, "pioneira en Galicia", o proxecto abrangue tanto a posta en marcha deste comité de asesoramento, como o estudo desta propia "experiencia piloto", co obxectivo de definir unha metodoloxía replicable noutras entidades locais.
Coordinado polo responsable do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera, o proxecto estenderase ata abril de 2027 e nel participan as e os integrantes deste grupo de investigación Susana Bastón, Cristina Míguez, Cristina Vázquez e Brais Suárez. O seu punto de partida é a denominada "ciencia para as políticas públicas", enfocada a "estreitar a relación entre o coñecemento científico e a toma de decisións no ámbito público", favorecendo tanto a transferencia do coñecemento e a innovación na xestión pública, a través do "uso de evidencias científicas na toma de decisións públicas e a aplicación de políticas municipais".
"Unha visión específica e global"Baixo o título de ConCiencia Local - Asesoramento científico municipal como aproximación á Innovación Pública I+P, o proxecto botou a andar nas últimas semanas coa apertura do prazo de presentación de candidaturas para formar parte do comité asesor. Este grupo de traballo, explican, "estará integrado por persoal investigador da Universidade de Vigo de diferentes centros, xa que o obxectivo é cubrir diferentes áreas de coñecemento e poder ter unha visión específica e global ao mesmo tempo"; así como por persoal técnico ou membros do goberno municipal.
Concibido como "un espazo de diálogo entre administración e ciencia, que permita transformar coñecemento especializado en propostas aplicables e beneficiosas para a cidadanía", este grupo de traballo centrará a súa actividade nunha temática de interese para administración local, relacionada con áreas como a sustentabilidade, a economía, a educación, o medio ambiente, os servizos sociais ou a cultura. "Nesta primeira experiencia, a idea é que o Concello determine unha área ou acción de interese para traballar conxuntamente", sinalan as e os responsables de ConCiencia Local. Este grupo desenvolverá cando menos dúas sesións de traballo, nas que se empregarán "dinámicas participativas innovadoras", coa idea de xerar recomendacións, proporcionándolle así "un asesoramento multidisciplinar e imparcial".
Definir unha metodoloxía replicableOutra das accións previstas no proxecto é a elaboración dunha "guía de implementación", que recolla a metodoloxía empregada nesta experiencia, no marco dunha investigación sobre "a aplicación da innovación pública a través de espazos de intercambio entre comunidade científica e administración pública, mediante dinámicas de cocreación". Nese senso, o obxectivo final é que "a experiencia adquirida" nesta inicativa se vexa plasmada nunha guía que permita empregar a metodoloxía aplicada, tanto para a "abordaxe futura" doutra temática no Concello, como para que outros entes locais poidan pór en marcha iniciativas deste tipo, contribuíndo á "replicabilidade do proxecto noutros lugares", subliñan desde o grupo de investigación.
Entre as accións previstas figura así mesmo a organización dunha xornada de transferencia, "enfocada á cidadanía local", e dirixida a presentar "os resultados das accións realizadas" no marco do proxecto.