O equipo T·I·A·S presenta o seu número especial en tres formatos inéditos no Edificio Redeiras de Vigo O proxecto de divulgación científica da UVigo aposta pola accesibilidade cun número especial en tres formatos

O pasado venres 26 de xuño celebrouse no Edificio Redeiras de Vigo a presentación pública do número especial da Revista T·I·A·S, a publicación de divulgación científica do grupo impulsada dende a Universidade de Vigo. O acto reuniu a numeroso público nunha xornada que combinou ciencia, ilustración, ocio e música ao redor dun proxecto que aposta por facer a investigación accesible a todos os públicos.

O número especial selecciona sete relatos de ficción baseados en textos científicos que nesta ocasión van acompañados de ilustracións realizadas por nove ilustradoras. Este cuarto volume publícase por primeira vez en tres formatos simultáneos: a revista ilustrada en papel e en dixital, a edición en braille -distribuída a través de asociacións de persoas con diversidade funcional visual-, e a Audio-Revista T·I·A·S, dispoñible en diversas plataformas de escoita ás que se pode acceder desde a web.

O evento de presentación contou ademais coa actuación da banda Vexx, un grupo de catro rapazas que forman parte do programa Xeración Sónica de Estudo Bonobo, responsable tamén da composición do tema musical da audio-revista. 

Dende o equipo T·I·A·S quixeron agradecer a presenza de todas as persoas asistentes, así como a colaboración das ilustradoras, da implicación do alumnado e profesorado do IES de Mos, de Vexx e Estudo Bonobo, de Radio Manoplas que editou a Audiorevista, do persoal investigador implicacado e das entidades que contribuíron á facer posible o proxecto.

Todos os contidos do número especial están xa dispoñibles de xeito gratuíto en tias.webs.uvigo.gal.