Comeza ConCiencia Local en Pontevedra

Este xoves celebramos na Casa das Campás a primeira xornada do proxecto Conciencia Local, un paso máis cara a tender pontes entre a ciencia e a xestión pública local.

A iniciativa creou un Comité Asesor Científico Municipal (CACiM) centrado no Concello de Pontevedra, un espazo de traballo conxunto entre persoal investigador da Universidade de Vigo e persoal da administración municipal (goberno local e equipo técnico). 

O obxectivo deste ConCiencia Local é chegar a evidencia científica á toma de decisións públicas. A través dun proxecto piloto arredor dun tema de interese para o concello, e empregando metodoloxías participativas innovadoras -como xogos serios e dinámicas baseadas na arte-, o CACiM traballará na co-creación dun plan de acción con recomendacións baseadas en coñecemento científico.

Ademais, o proxecto quere deixar pegada máis alá de Pontevedra: elaborarase unha guía de implementación que permita replicar esta metodoloxía noutras áreas do concello ou noutros municipios de Galicia e España que queiran poñer en marcha experiencias similares.

Todo o proceso será avaliado e documentado, xerando datos para un estudo de investigación sobre este tipo de estratexias de innovación pública, e os resultados serán publicados nunha revista científica.