A Universidade de Vigo acolleu hoxe, no Edificio Redeiras (Praza do Berbés), a presentación interna de ODS Local, unha plataforma aberta e gratuíta impulsada desde o Post-Growth Innovation Lab. Nun só lugar, calquera persoa pode consultar datos oficiais sobre como avanzan os 8.131 concellos de España cara aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Inclúe un mapa interactivo, indicadores que permiten comparar uns concellos con outros e datos abertos que se poden descargar e reutilizar.
A sesión, pensada para a comunidade universitaria, correu a cargo de Brais Suárez e Susana Bastón. Explicaron para que serve a plataforma, como funciona e que se pretende conseguir con ela. Tamén aproveitaron para pedir colaboración en dous aspectos:
- Achegar datos que axuden a completar e mellorar a información da plataforma.
- Participar na revisión oficial dos datos que aporten outras comunidades, organismos e persoas, para asegurar que sexan rigorosos e fiables.
Ao final houbo unha rolda de preguntas con intervencións moi interesantes e enriquecedoras, que abriron novas posibilidades para o futuro do proxecto.
Co chamamento a colaborar, o equipo quere que ODS Local sexa unha ferramenta construída entre moitas persoas, aberta e verificable, na que a universidade teña un papel activo.
ODS Local conta co apoio financeiro do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. O contido é responsabilidade exclusiva da entidade subvencionada e non reflicte necesariamente a opinión do Ministerio.
Máis información: https://odslocal.es