O sector do mar avanza en Vigo no deseño dun sistema para xestionar e valorizar as redes e aparellos de pesca Trátase de reducir o abandono destes residuos e favorecer a súa recuperación

DUVI  09/10/2026

Dar unha nova vida ás redes e aparellos de pesca e acuicultura cando deixan de ser útiles e evitar que estes residuos acaben no medio mariño. Con este obxectivo, diferentes axentes do sector do mar reúnense este venres no edificio Redeiras da Universidade de Vigo para avanzar no deseño dun sistema nacional que permita mellorar a súa recollida, xestión e valorización.

O encontro está organizado polo grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da UVigo ao abeiro do proxecto Pescrap, un traballo que busca establecer as bases dun modelo que facilite a xestión dos aparellos ao final da súa vida útil. Trátase de reducir o abandono destes residuos no mar e favorecer a recuperación dos materiais plásticos e metálicos que os compoñen. A sesión, de carácter participativo, facilita a posta en común das necesidades e propostas dos distintos elos da cadea de valor e definir unha folla de ruta para a futura implantación do sistema.

Produtores e importadores, actores clave

A xornada conta coa participación de produtores e importadores, considerados actores fundamentais para o futuro sistema, xunto con persoas e entidades vinculadas ás actividades pesqueira, acuícola e mariña. A través de diferentes dinámicas de traballo, os asistentes abordan cuestións relacionadas coa recollida e tratamento dos residuos, a súa valorización e o funcionamento do futuro modelo.

A Universidade de Vigo ten un dobre papel neste proceso: facilitar as actividades de participación e analizar como se desenvolve o propio deseño colectivo do sistema. Entre os resultados que se esperan de Pescrap figuran un modelo detallado do sistema, unha guía para a súa constitución e unha análise da súa viabilidade. O proxecto contempla tamén propostas de ecomodulación das tarifas e un marco de gobernanza, ademais de accións para promover a prevención e valorización destes residuos no sector.

400.000 euros de orzamento

Promovido pola Fundación Economía Circular, Aimplas, a Asociación Vertidos Cero e a Universidade de Vigo, o proxecto responde aos retos ambientais derivados do abandono e a inadecuada xestión de redes e aparellos, así como ás obrigas establecidas pola normativa europea en materia de Responsabilidade Ampliada do Produtor (RAP).Por diante quedan dous anos de traballo, para o que se conta cun orzamento de 400.000 euros financiados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a través do Programa Pleamar e cofinanciado pola Unión Europea mediante o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).O traballo continuará o 30 de outubro en Valencia, onde se celebrará un novo encontro no marco deste proxecto de ámbito nacional.