Campus Crea e Post-Growth Innovation Lab estenderán a súa actividade ao Centro Internacional de Creatividade de Pontevedra O grupo de investigación ocupará o terceiro andar deste edificio municipal

DUVI PONTEVEDRA  14/10/2026

O grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo contará cun espazo, destinado principalmente a labores de transferencia, no Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo do Concello de Pontevedra. Ao mesmo tempo, o goberno local e a institución académica atópanse traballando para que o Campus Crea poida contar con espazos neste edificio municipal, inaugurado no mes de setembro. Así o sinalaron a vicerreitora do campus, Marián Fernández, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, nunha rolda de prensa centrada en dar a coñecer o labor que o grupo coordinado polo investigador Mario Pansera desenvolverá no terceiro andar deste centro, que leva o nome da escritora Ursula K. Le Guin. 

Como explicou Gulías, o Concello está a presentar nestas semanas as diferentes entidades e colectivos que ocuparán este novo edificio, no que estará presente tamén a UVigo. O primeiro acordo en pecharse neste eido, explicou, foi o de destinar a terceira planta ao Post-Growth Innovation Lab. Ao mesmo tempo, engadiu, "estamos traballando para que non sexa o único dos espazos que estea protagonizado pola actividade da Universidade e, sobre todo, co que ten que ver co Campus Crea". Neste punto, destacou que o Maruxa Mallo sería un lugar "idílico para que o proxecto de especialización poida crecer e incluso albergar un espazo fixo definitivo"". 

Neste punto, Marián Fernández puxo de relevo que, dada a necesidade da institución académica de dotarse de novos espazos, "as sinerxías co Concello son determinantes para nós". De aí que en puxese en valor a posibilidade que achega "a un grupo de referencia" como o Post-Growth Innovation Lab, integrado por preto de 20 investigadores, investigadoras e persoal xestor, de dotarse dun novo espazo, que se suma á súa sede no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal. Este destinarase principalmente á transferencia do coñecemento á sociedade, o que implica para o campus seguir "dando pasos sólidos" cara a obtención en 2028 da acreditación do Campus Crea como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia. A este respecto, a vicerreitora sinalou que "un dos condicionantes" para acadar ese recoñecemnto "é a posibilidade de ter espazos propios Crea", que sexan ademais "sólidos e continuados no tempo". De aí que sinalase o compromiso da Universidade de "dotar ese outro espazo que se nos ofrece no Maruxa Mallo dunha programación específica". Con ese propósito, atópanse traballando coas catro facultades inseridas no Campus Crea -Belas Artes, Comunicación, Deseño e Ciencias da Educación e do Deporte-, nun programa de  actividades que permita en 2027 "ocupar eses espazos con contidos que merezan a pena". 

Conectando ciencia e arte

O coordinador do Post-Growth Innovation Lab amosou a súa ledicia por contar "cun espazo que nos dá a oportunidade de seguir promovendo unha colaboración entre arte e ciencia", como xa fixeran en 2024 na Conferencia Internacional de Decrecemento, celebrada en Pontevedra. Neste punto, Pansera anunciou que un dos primeiros eventos que o grupo organizará no Centro Internacional da Creatividade será un obradoiro internacional sobre tecnoloxía e tempo, no que promoverán unha reflexión sobre "como o ritmo da tecnoloxía e da innovación moderna non están aliñados co ritmo da natureza". Desenvolverase en abril de 2027 e contará coa participación dunha artista de música tradicional india "de fama internacional", así como con "investigadoras e investigadores de todo o mundo".  

Proxectos con impacto sobre o territorio

Como lembrou Pansera, o Post-Growth Innovation Lab creouse no ano 2021 coa súa incorporación á UVigo tras ser beneficiario dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, dotada con 1,5 millóns de euros. Comezou entón un camiño que definiu como "moi exitoso" e que permitirá que nos próximos catro anos o grupo vaia contar cun financiamento próximo aos dous millóns de euros, ao abeiro de diferentes proxectos. Nunha presentación que serviu tamén para pór en valor a colaboración do Concello con múltiples iniciativas do grupo, Pansera salientou a vontade de impulsar proxectos "cunha vocación máis territorial", que poidan ter "un impacto directo na poboación local".

Nese senso, Cristina Vázquez, xestora do Post-Growth Innovation Lab, presentou diferentes iniciativas en marcha neste eido, como o proxecto Plataforma ODS, centrado en "facer unha monitorización do cumprimento" dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nos municipios de España. Os resultados do traballo desenvolvido presentaranse este venres ás 16.00 horas na sede da Vicerreitoría, nun acto aberto a toda a cidadanía que mantén aberta a súa inscrición. 

Tamén coa colaboración do Concello, o grupo atópase desenvolvendo o proxecto ConCiencia Local, que levou á creación "dun comité asesor científico municipal", formado por persoal da UVigo e do Concello de Pontevedra, que traballa na definición dunha "serie de recomendacións" en materia de vivenda para a administración municipal, "baseadas na evidencia científica". Vázquez referiuse tamén ao proxecto de ciencia cidadá Postgrowth S.A.: Rural, no que traballarán con estudantes de secundaria de contextos rurais, á vez que adiantou o inicio en febreiro dun novo proxecto "financiado por un partenariado europeo" que terá entre os seus casos de estudo "o modelo de Pontevedra en termos de mobilidade e peonalización".   

Un proxecto europeo dotado con cinco millóns de euros

Pansera anunciou tamén outras iniciativas que o grupo porá en marcha en 2027, dentro das que "a gran novidade" será a coordinación do proxecto europeo Fair-Cycle, que contará cun orzamento de preto de 5 millóns de euros, dos que 800.000 corresponderán á UVigo. Centrase, explicou, "na economía circular xusta, que é unha grande aposta do grupo desde a súa fundación", e abranguerá once casos de estudo en diferentes países, nos que o equipo investigador traballará con diferentes organizacións "que están intentando promover unha transición non soamente ecolóxica, senón tamén xusta". Así mesmo, anunciou que o vindeiro ano arrancará un proxecto centrado "na adaptación  ao cambio climático", xunto ao grupo de investigación Future Oceans Lab da UVigo, e que o grupo incorporará o vindeiro curso un investigador ou investigadora Marie Curie.