Un equipo da UVigo impulsa a primeira plataforma para coñecer o cumprimento dos ODS por parte dos municipios españois Post-Growth Innovation Lab desenvolveu esta ferramenta nun proxecto con financiamento estatal

Nova no DUVI (external link)

DUVI PONTEVEDRA  16/10/2026

Nun proxecto financiado polo Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab desenvolveu unha plataforma dixital aberta dirixida a monitorizar o grao de cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) por parte dos 8131 municipios existentes en España. Deseñada no marco do proxecto Plataforma ODS, busca reunir nun mesmo espazo un conxunto de datos que permitan cuantificar e avaliar como avanzan os diferentes concellos na consecución dos 17 obxectivos definidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas. Trátase, explican, dunha iniciativa pioneira en España, onde non existía ata data "unha ferramenta deste tipo", que abranguese todos os municipios do Estado, sustentada en datos abertos, procedentes tanto de fontes oficiais como daqueles que poidan ir incorporándose tanto por investigadores e investigadoras como polas propias administracións locais.

Dar a coñecer as funcionalidades desta ferramenta dixital é un dos propósitos da xornada de presentación de resultados do proxecto Plataforma ODS, que o Post-Growth Innovation Lab promove na tarde deste venres na sede da Vicerreitoría do campus. Coordinado polo investigador Brais Suárez, coa participación das integrantes deste grupo Cristina Míguez, Susana Bastón e Cristina Vázquez, este proxecto abrangueu tamén o impulso dun Comité Cidadán polo Clima en Pontevedra, que traballou nos últimos meses na definición dun conxunto de recomendacións orientadas a promover un consumo alimentario máis sostible no municipio.

Unha plataforma que facer crecer

Co propósito de poder cuantificar o grao de cumprimento de cada ODS, o equipo investigador seleccionou 69 indicadores, partindo dos propiamente definidos na propia Axenda 2030 e tendo en conta aspectos como a súa utilidade para avaliar realidades locais e a existencia de datos a escala municipal. Trátase, non obstante, "dunha proposta inicial", explica Míguez, xa que "a intención é que poidan engadirse" novos indicadores ou modificar xa definidos, "a medida que os usuarios vaian facendo propostas", engade Bastón.

Estes indicadores permiten á súa vez cuantificar o grao de cumprimento dos ODS, a partir da incorporación de datos abertos, descargables e reempregables. Polo de agora, explica Bastón, a plataforma nútrese de datos procedentes de fontes oficiais, "principalmente o INE e institutos estatísticos autonómicos, así coma o SEPE ou o Instituto da Muller". Partindo deses datos, permite coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos en cada municipio, reflectido nun mapa interactivo. Para iso definíronse unha serie de criterios de medición, que permiten determinar en cada indicador se o concello en cuestión cumpre o obxectivo ou se existe un incumprimento leve, grave ou moi grave, asignándolle unha porcentaxe en cada caso. Non obstante, naqueles casos nos que a ferramenta non dispón de datos compútase un 0% de cumprimento, polo que as porcentaxes que reflicte actualmente están relacionadas "coa dispoñibilidade dos datos", o que fai que "a comparativa a nivel de cumprimento non sexa realista a día de hoxe", subliña Bastón.

De feito, co propósito de comprobar o funcionamento da plataforma, o equipo investigador levou a cabo un traballo dirixido a "incorporar a maior cantidade de datos" a través de "fontes adicionais ou bases de datos máis específicas", nunha decena de municipios de diferentes autonomías, como sería o caso de Pontevedra en Galicia. A partir de aquí, a idea é que esta ferramenta poida crecer nutríndose dos datos que acheguen tanto as propias administracións locais, como organizacións do terceiro sector ou proxectos de investigación e de ciencia cidadá. "Podes rexistrarte na plataforma e achegar fontes de datos os datos específicos", apunta Míguez, que explica que o proxecto conta cuns "revisores especializados en cada un dos ODS", encargados de revisar e validar as diferentes achegas, "que pasarían a incorporarse á plataforma de maneira pública". De feito, o obxectivo do Post-Growth Innovation Lab é darlle continuidade a esta plataforma, máis aló do proxecto no que naceu, "buscando novas convocatorias ou colaboracións con diferentes entidades".

Un consumo de alimentos máis sostible

Co propósito de promover a "cocreación de políticas baseadas na evidencia científica", este proxecto abrangueu tamén a creación do Comité Cidadán polo Clima, conformado por 16 veciños e veciñas de Pontevedra, de diferentes perfís e idades, que traballaron nos últimos meses na definición dun conxunto de propostas dirixidas a mitigar os efectos do cambio climático relacionados co consumo de alimentos nunha escala local. Promovida coa colaboración do Concello, tratouse dunha iniciativa pioneira en Galicia, que deu como resultado un conxunto de recomendacións.

Entre elas, atópanse propostas como levar o mercado "fóra do mercado", ampliando os puntos de venda en diferentes barrios, contribuír á súa dinamización facilitar a presenza de postos de venda de produtos locais na súa contorna. Organizadas por niveis de prioridade, nesta lista figuran tamén propostas como favorecer a incorporación de produtos locais nos comedores escolares, primando a cociña fronte aos servizos de catering, así como desenvolver programas educativos sobre alimentación e consumo sostible. Entre as propostas sinaladas figuran tamén a identificación e o impulso de medidas para o aproveitamento dos excedentes alimentarios, a organización de actividades que permitan un encontro directo entre produtores e consumidores, a ampliación da rede de hortas públicas ou promover a comercialización de caixas e alimentos locais de tempada.

Estas recomendacións foron presentadas nesta xornada pola investigadora Cristina Míguez, que abordou ademais o proxecto de ciencia cidadá levado a cabo no IES Luis Seoane, onde o alumnado traballou en proxectos de investigación centrados tamén na alimentación e nos patróns de consumo. Inaugurado polo director de área do Campus Crea, Alberto Dafonte, este acto de presentación de resultados completouse cunha mesa redonda centrada na participación cidadá nas decisións públicas e no papel que poden xogar as asembleas cidadás neste eido. Moderada por Brais Suárez, contou coas intervencións de Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade; José Luis Santiago, coordinador da Área de Socioeconomía da Pesca do Cetmar e membro do Comité Cidadán polo Clima; e Miguel Pardellas, da cooperativa Feitoría Verde, experto en participación cidadá.