A Casa das Campás (Campus CREA), en Pontevedra, acolleu hoxe, de 10:00 a 13:00 horas, a primeira sesión de traballo do CACiM (Comité Asesor Científico Municipal) do proxecto ConCiencia Local, impulsado pola Universidade de Vigo. A reunión marca o inicio da fase de análise sobre a vivenda, tema identificado na primeira xornada.
Durante a sesión, as persoas participantes analizaron en profundidade as cuestións sobre a vivenda e puxeron en común o coñecemento dispoñible. Para iso, presentouse a información e a documentación preparada entre sesións e analizáronse conxuntamente a evidencia científica e a información municipal dispoñible.
O traballo centrouse en identificar coincidencias, incertezas e lagoas de coñecemento, así como as cuestións que requiren un estudo máis detallado. Tamén se delimitaron os ámbitos nos que o CACiM pode realizar recomendacións útiles para Pontevedra.
O resultado da xornada é un diagnóstico compartido da temática e unha selección fundamentada das cuestións sobre as que se traballará na seguinte fase do proceso.
ConCiencia Local é un proxecto da Universidade de Vigo que busca achegar o coñecemento científico á toma de decisións no ámbito municipal. A súa ferramenta central é o CACiM, un comité que traballa de maneira estruturada, por fases e sesións, arredor de temas concretos que afectan ao municipio. O proceso parte da identificación das cuestións que preocupan nun primeiro encontro e avanza cara a unha análise máis profunda en sesións de traballo, nas que se combinan a evidencia científica e a información que ten o propio concello.