Postgrowth S.A. Rural chega a sete centros galegos e leva a ciencia cidadá ás aulas Máis dun centenar de estudantes de ESO e bacharelato participaron na primeira sesión do proxecto de ciencia cidadá da Universidade de Vigo, na que identificaron os conflitos ambientais do seu territorio

Durante este mes de novembro, o Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo desenvolveu a primeira sesión de Postgrowth S.A. Rural en sete centros educativos de Galicia de influencia do rural. O proxecto, que se realiza en colaboración con CIDEL Galicia e conta co apoio da FECYT, leva a ciencia cidadá ás aulas para que o alumnado investigue os conflitos que xorden entre a conservación da natureza e a vida das persoas que habitan o rural e o seu contorno. Nesta primeira toma de contacto participaron grupos de 3º e 4º de ESO e de 1º de bacharelato, de materias como Bioloxía ou Economía e, nalgún caso, de grupos vinculados a proxectos de sustentabilidade do propio centro. En total, máis dun cento de estudantes achegáronse á metodoloxía do proxecto e comezaron a pensar no seu territorio con ollos de investigadores e investigadoras.


Unha sesión para aprender a facer preguntas

A sesión estruturouse en catro partes. Primeiro, presentouse o proxecto e traballouse sobre o que é a ciencia cidadá, con dinámicas nas que o alumnado debatía se diferentes situacións eran ou non proxectos deste tipo e por que. Despois, un «termómetro de opinións» invitou a todos a situarse fisicamente no espazo segundo estivesen máis ou menos de acordo con afirmacións sobre conservación ambiental, como quen sabe protexer mellor un lugar ou se protexer a natureza frena o desenvolvemento dos pobos. Despois fíxose unha introdución teórica á conservación ambiental, e finalmente o alumnado traballou sobre conflictos entre o medio e a sociedade que pode percibir ao seu redor como primeiros pasos para detectar casos que investigar no proxecto.  

Opinións diversas e debates con coñecemento do territorio

A dinámica do termómetro foi, en xeral, o momento máis activo. Moitos grupos deron mostras de pensamento crítico: argumentaron as súas posturas, escoitaron as dos compañeiros e, nalgúns casos, cambiaron de opinión durante o debate. Preguntas como que significa realmente «desenvolvemento» abriron conversas que foron máis alá dos aspectos económicos e remataron en conversas sobre a cultura e á convivencia respectuosa coa contorna.


Os conflitos do territorio, en primeira persoa

Os conflitos que o alumnado identificou reflicten a súa realidade cotiá: os incendios forestais, especialmente presentes tras o verán; a contaminación e o lixo nos ríos; a escaseza de auga e a xestión das traídas comunais; o funcionamento das depuradoras; a sobreexplotación do marisqueo; a presión urbanística sobre montes e zonas verdes; a instalación de eólicos; ou as limitacións de uso en espazos protexidos como as illas. Tamén expresaron o que lles gustaría descubrir: desde como se coidan as zonas verdes da súa cidade ou que opinan as persoas maiores do seu contorno, ata como conservar a fauna sen renunciar ás actividades humanas. Un dos aspectos que máis chamou a atención foi a busca de equilibrio: moitos estudantes pasaron de posturas máis extremas a entender que cada caso require falar, escoitar e decidir con todas as persoas implicadas.

Os próximos pasos

Con estes primeiros conflitos sobre a mesa, os grupos comezarán agora a elixir os casos que investigarán ao longo do curso, coa guía do profesorado e do equipo do PostGrowth Innovation Lab. O traballo culminará no foro rural previsto para xuño, onde o alumnado compartirá os resultados das súas investigacións.