A Deputación da Coruña distingue as achegas do Post-Growth Innovation Lab á innovación nas ciencias sociais Polo estudo sobre como mellorar a calidade de vida sen depender do crecemento económico

 Texto do Diario da Universidade de Vigo DUVI Pontevedra 26/11/2026 (external link)

O labor investigador do Post-Growth Innovation Lab da UVigo nos ámbitos do decrecemento, a economía circular xusta e a innovación responsable converteron este grupo con sede no campus de Pontevedra nun dos gañadores do IV Premio Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais, Humanidades, Sustentabilidade e Innovación. Promovidos pola Deputación da Coruña, os galardóns entregados este xoves en Bergondo teñen a finalidade de "recoñecer a actividade de investigación e innovación levada a cabo por persoas ou entidades que teñan destacado nos ámbitos das ciencias sociais e humanidades", segundo recolle a súa convocatoria. No caso do equipo investigador dirixido por Mario Pansera, outorgóuselle o premio correspondente á innovación científica, mentres que o galardón á traxectoria investigadora foi para o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Jesús Fernando Salgado.

O estudo de "como a ciencia e a tecnoloxía poden mellorar a calidade de vida sen depender dun crecemento económico continuo" deste grupo de investigación foi destacado pola organización dun premio que a Deputación da Coruña convoca coa colaboración do Concello de Bergondo e do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial Xoán Vicente Viqueira. Impulsados co propósito de lembrar o legado intelectual deste filósofo, psicólogo e escritor, entre os criterios de valoración destas distincións figuran a calidade científica das investigacións, o seu impacto social e a capacidade de achegar os resultados á sociedade. 

Os premios foron entregados no centro sociocultural da Senra, nun acto que contou coa participación da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; a deputada provincial de Educación e Mocidade, Yoya Neira; e a presidenta do instituto Xoán Vicente Viqueira, Isabel Lema. Mario Pansera e a xestora Cristina Vázquez representaron ao Post-Growth Innovation Lab na entrega duns galardóns dotados con 6500 euros e que o director deste grupo valoraba como "un importante recoñecemento por parte dunha institución galega". Pansera destacou tamén que esta distinción pon en valor o labor "dun equipo de investigadores e investigadoras internacional, con base en Galicia", á vez que "recoñece a aposta da UVigo" por un equipo que centra o seu traballo en cuestións "non convencionais e innovadoras".

Cinco anos de traxectoria

A posta en marcha deste grupo de investigación en Pontevedra xorde a raíz da incorporación de Pansera á UVigo a comezos de 2021, despois de acadar unha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Dotada con 1,5 millóns de euros, esta bolsa permitiu a posta en marcha do proxecto Prospera, que buscaba dar resposta ás preguntas de "como serían a ciencia, a tecnoloxía e a innovación nun mundo que non estivese impulsado pola procura do incesante crecemento" e a de "que novos mundos poderíamos concibir se o benestar humano, o medio ambiente e a natureza fosen o principal foco da innovación", sinalan desde o equipo investigador.

A posta en marcha deste proxecto levou á súa vez á creación do Post-Growth Innovation Lab, integrado a día de hoxe por máis dunha vintena de investigadores e investigadoras e persoal xestor e recoñecido recentemente como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia. Desde a óptica das ciencias sociais e, nomeadamente, do poscrecemento e decrecemento, este equipo desenvolveu nos últimos anos múltiples proxectos centrados en liñas de investigación que afondan nas políticas de innovación e na innovación responsable, na economía circular xusta, nos movementos de base e no cooperativismo e a economía social. Entre outros, o grupo levou a cabo proxectos como Just2ce, financiado polo programa europeo H2020. Centrado en promover "unha transición responsable, inclusiva e socialmente xusta cara a unha economía circular", foi seleccionado pola Comisión Europea como caso de éxito. Tamén con financiamento europeo, o grupo desenvolveu investigacións como ExPliCit, que puña tamén o foco na economía circular; CoBlue, centrada en desenvolver metodoloxías de participación; ou Serigo, que ten como obxectivo mellorar a resiliencia e inclusión social de grupos vulnerables nas zonas rurais europeas. A estes súmanse proxectos con financiamento estatal, como Arca, centrado na responsabilidade dos territorios ante o cambio climático; Attract, que examina o movemento do dereito a reparar, ou Plataforma ODS, que buscaba impulsar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a escala local.

Entre as iniciativas desenvolvidas nestes cinco anos de traxectoria atópanse tamén proxectos de ciencia cidadá como Postgrowth S.A. e iniciativas divulgativas como a revista T I A S, así como a organización en 2024 da Conferencia ESEE-Decrecemento, un evento internacional que reuniu en Pontevedra preto de 1200 investigadores e investigadoras.